O destacado labor do militar e profesor de Matemáticas Cipriano Vimercati por terras galegas (1776-1808)

A fins de 1776 chegou destinado a Ferrol Cipriano Vimercati, quen residiría no país ata súa morte en 1808 (Santiago de Compostela), dúas décadas nas que despregou unha intensa e relevante actividade. Casou cunha coruñesa, María Manuela Recarey Ares, e exerceu a dirección da Academia de Gardas Mariñas de Ferrol, onde impartiu docencia de Matemáticas. Á morte da muller ordenouse sacerdote e foi, posteriormente, cóengo da catedral de Santiago.

De orixe andaluza

O apelido Vimercati podería suxerir unha procedencia italiana. Porén, como acontece con Eustaquio Giannini (o autor da reforma da Torre de Hércules), nado en Badaxoz, Cipriano era español. Natural de Xerez da Fronteira (Cádiz), naceu en 1730, fillo de Úrsula Benítez Cumplido e Agustín de Capitani Vimercati, quen era orixinario de Milán.

Carreira militar e docente

Cipriano ingresou en 1754 no Exército como cadete do Rexemento de Artillería, saíndo subtenente en 1760; obtivo o grao de tenente de artillería en 1762 e de capitán de infantería en 1776. Ese ano realizou unha comisión secreta en Portugal, onde visitou diversas localidades, chegando ata Lisboa. En 1768 foi destinado ás Brigadas da nova Fundición de Artillería de bronce, formando parte, un ano despois, dunha comisión que levou a cabo un estudo comparativo de diferentes armas de artillería. Tamén elaborou unha ordenanza sobre o “Cuerpo General de Artillería del Ejército” (1770).
Pouco despois deu comezo a súa carreira como docente de Matemáticas. Unha materia que tiña na formación dos oficiais do Exército e da Armada unha salientable presenza. Nomeado en 1771 profesor segundo da “Academia de Caballeros Cadetes” do Colexio Militar de Segovia, pasou en 1772 a profesor primeiro e director deses estudos, posto que ocupou cinco anos. Impartiu un curso de Álxebra e tivo o encargo da redacción do libro texto destinado ao ensino das Matemáticas, composto por oito tratados relativos a Aritmética, Xeometría, Álxebra, aplicación da Álxebra á Xeometría, Cálculo infinitesimal e Mecánica.


Na Academia de Gardas Mariñas de Ferrol

A Compañía e Academia de Gardas Mariñas, creadas en Cádiz en 1717, foron unha peza básica nos primeiros pasos institucionais da política científica do momento. Pretendían atender ás necesidades de formación da oficialidade en consonancia coas novas esixencias técnicas da navegación. Estableceuse unha dobre estrutura, militar, Compañía, e docente, Academia, supeditada á primeira, pois o capitán da Compañía exercía o mando superior. En 1776 tomouse a decisión de dividir a Academia en tres, Cádiz, Ferrol e Cartaxena. Este feito provocou a creación da academia ferrolá e axudou a impulsar a actividade do Departamento, favorecendo que á cidade acudiran pilotos, astrónomos, matemáticos e outros especialistas. Así, Ferrol converteuse no foco fundamental da cultura científica da Galicia do momento e principal núcleo de poboación, constituíndo o Arsenal o complexo científico-técnico e industrial máis relevante do país.
Nomeado Vimercati primeiro mestre da Academia de Gardas Mariñas de Ferrol o 23 de decembro de 1776, en xaneiro de 1777 foi ascendido a tenente de navío e encargado de dirixir a nova institución. Un cambio de perfil canto a arma pero que tiña continuidade no labor docente e supuña un ascenso profesional. Dos directores das tres Academias só el ocupou o posto de Comandante, ou sexa, tiña a responsabilidade xeral da Compañía e da Academia de Gardas Mariñas.

Sala de Armas do Arsenal de Ferrol

Casamento na Coruña

En 1777, ao inicio da súa estadía en Ferrol, con 47 anos, casou con María Manuela Recarey Ares, de 39, veciña de A Coruña e filla de Josefa de Ares e Francisco Recarey. A obtención da licencia para o matrimonio durou varios meses, seguindo o longo proceso que era habitual daquela. Nel ficou constancia de que o pai de María Manuela depositou en mans do importante comerciante Jerónimo Hijosa 2000 ducados como dote, aos que se engadirían outros 2000 cando a voda tivese lugar. En pleno Antigo Réxime a oficialidade estaba restrinxida a homes que puideran demostrar “limpeza de sangue” e orixe fidalga. O mesmo acontecía cara á muller coa que desexaran casar. María Manuela e o seu pai (a nai morrera) presentaron numerosos documentos e testemuñas que avalaban ambas condicións. Fronte Nicolás de Riazós, corrixidor interino (presidente do Concello coruñés, nomeado polo rei) participaron como testemuñas: Antonio Vicente de Suazo, rexedor da Coruña (equivalente a concelleiro, privilexio debido á súa orixe nobre); Juan López de Taibo, tamén rexedor; Andrés Espiñeira comisario de guerra; Juan Ramos, presbítero; Nicolás Patiño, oficial da Contadoría do Exército e Francisco Joane, interventor. Verificouse a orixe fidalga e que María Manuela e o seu pai, así como todos os seus avós, eran “cristianos viejos, limpios de toda mala raza de moros, judios y de los nuevamente convertidos a nuestra santa fe católica y de toda raíz infecta sin que unos u otros hubiesen obtenido ni ejercido oficio vil”. O texto non esixe comentario, así eran as cousas e así se explican certas mentalidades pasadas e presentes.

Algunhas intervencións e publicacións

Pouco durou o matrimonio, Vimercati enviuvou pronto. En 1781, catro anos despois do casamento, ordenouse sacerdote, cesando no seu posto militar, tenente de navío, pero continuou exercendo como director da Academia de Gardas Mariñas ferrolá. De feito, pasou por Real Orde de 14 de outubro de 1790 a ser Director das tres Academias de Gardas Mariñas de España. Na morte do rei Carlos III (1789) leu un Elogio fúnebre no que salientou a obra do monarca e, identificado coas ideas da Ilustración, explicou que era preciso o desenvolvemento da riqueza natural, ligada ao estudo da natureza. Atribuía á industria un papel básico nese proceso, en contraste coas posicións dalgúns contemporáneos seus.
Co gallo da apertura dos exercicios públicos de “matemáticas, análisis finita e infinitesimal, mecánica y astronomía”, celebrados en Ferrol entre o 5 e o 10 de febreiro de 1787 leu un Discurso sobre arquitectura naval antigua y moderna. Posteriormente, en 1790, publicouse a súa intervención na inauguración dos certames de Matemáticas superiores nos que participaron os oficiais agregados á compañía de Gardas Mariñas ferrolá. O tema tratado foi a orixe e progresos da Astronomía. Lembremos que esa materia era central na formación dos mariños e que a Academia ferrolá dispuña dun observatorio astronómico, o único na Galicia dese tempo, para usos docentes. Vimercati realizou un repaso dos avances nesa materia ao longo da historia. Asemade, animou aos oficiais novos a mellorar a súa formación técnica e interese pola Astronomía, que, entre outras cousas, permitirían estender “los límites a las facultades intelectivas del hombre, (…) [e acadar] el deleite inexplicable, tan puro, tan elevado y tan noble como desconocido hasta que se empieza a gustar”. Por outra banda, na súa intervención o profesor de Matemáticas realizou unhas significativas alusións a Isaac Newton, “el gran Newton”, sinalando a transcendencia das súas contribucións científicas. Eses comentarios e os contidos dos programas de estudo dos gardas mariñas indican a positiva recepción á obra do científico inglés na academia ferrolá. Un feito a salientar pois os prexuízos ideolóxicos fixeran que na única universidade existente en Galicia nese momento, a de Santiago de Compostela, non se iniciaran ata 1789, da man de Francisco Neira, a lenta incorporación das propostas do gran físico.
En 1793 Jonathan Williams, sobriño neto de Benjamin Franklin, publicou “Memoir of Jonathan Williams, on the use of the Thermometer in discovering Banks, Soundings, etc.”. Nese estudo sobre o uso do termómetro na navegación pretendía establecer una relación entre a temperatura do mar e a profundidade, a efectos de axudar aos navegantes. A utilidade da obra levou a que as autoridades españolas decidiran a súa case inmediata tradución, en 1794, que apareceu acompañada dos comentarios de Vimercati, o que indica o seu prestixio profesional. Alexander von Humboldt, na súa visita a Galicia en 1799 realizaría medicións termométricas na baía de Ferrol e fíxose eco da Memoria de Williams. O prusiano repetiría medicións da temperatura da auga do mar en América, descubrindo a corrente fría que hoxe denominamos de Humboldt ou Corrente Peruana. O coruñés Ramón de la Sagra, que contou coa axuda de Domingo Fontán, tamén realizaría medicións na viaxe a Cuba en 1823.

Cóengo en Santiago

O 27 de marzo de 1799 Vimercati tomou posesión dunha coenxía vacante na catedral de Santiago de Compostela, por falecemento de Gregorio Ignacio Crestar. Fora nomeado no 3 de setembro de 1798, por Real Cédula de Carlos IV, mais non estivo presente no acto de toma de posesión; fíxoo por el o cóengo penitenciario Simón Díaz de Rábago, a quen lle cedeu a xestión de todos os seus intereses. Empezou a acudir a coro o 14 de xuño de 1800 e parece que despois asistiu aos cabidos asiduamente.
A nova posición en Compostela debeu influír para que o seu amigo, colega e antigo discípulo en Ferrol, José Alonso López fose designado polo arcebispo de Santiago (Francisco Vallejo), o 14 de febreiro de 1800, para levantar o plano xeográfico estatístico do Arcebispado. Alonso incorporarase como terceiro mestre na Academia de Gardas Mariñas en 1797 e tiña ao seu cargo o observatorio da institución. Para rematar este episodio, diremos –como curiosidade– que a día de hoxe o Arquivo do Reino de Galicia (A Coruña) conserva un manuscrito de dez follas redactado por Vimercati e datado o 19 de xaneiro de 1768: Memoria sobre la melificación y medios de fomentarla. Describense el instinto prodigioso, industria y policía de las abejas.

.

Xosé A. Fraga

Comparte el contenido en tus redes

La peligrosa vigorexia

La peligrosa vigorexia. Es importante prevenir su aparición: desmitificar los cuerpos perfectos y aprender a aceptarse. Consulta al médico.
Leer más
Botón para ir al inicio de la página